jueves, 3 de abril de 2014

Saída ao Museo Pedagóxico de Galicia


Coñecedes o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), sito en Santiago de Compostela?

As xirafiñas coñecérono onte pola mañá, nunha saída organizada polo Equipo de Educación Infantil. Saímos do colexio en torno ás 10:00 horas e marchamos no autobús sunto cos nosos compañeiros os pitiños e os golfiños. Unha vez en San Lázaro, organizáronse nunha fila para acceder ao museo, onde na porta lles entregaron a súa entrada.


O primeiro que fixeron ao chegar foi ollar un breve vídeo sobre a escola, pero non calquera escola, senón a escola dos nosos avós e dos nosos bisavós. Unha escola onde o xeito de traballar era diferente, onde era diferente a maneira de organizar o traballo das aulas, os materias tamén eran diferentes, os xogos,...

Todos estiveron moi atentos e foron quen de verbalizar as diferenzas e as semellanzas coa escola deles, a de hoxe en día. Deixaron mochilas e abrigos no salón de actos, e organizámonos en tres grupos para poder acudir aos tres obradoiros:

1. DENTRO DO CADRO "A escola de Doloriñas"
2. NA LUDOTECA
3. AS ESCOLAS DOS INDIANOS: COMO SON?

No primeiro obradoiro, un dos guías do museo, meteunos literalmente dentro dun cadro titulado A escola de Doloriñas e con esa imaxe explicounos, relacionándoo co vídeo que vimos anteriormente, cómo eran as escolas antes e viaxamos no tempo para vivir a escola dos nosos antepasados.

 

Así foi  puidemos ver xoguetes cos que xogaban os nosos avós, e os avós dos nosos pais, e sentar nos seus pupitres, e escribir nas súas pizarras cos seus pizarrillos. Seguro que se lles ensinades as fotos aos avós das xirafiñas se verán reflectidos nas caras dos seus netos.








O seguinte obradoiro tivo lugar na ludoteca do MUPEGA, onde as xirafiñas confeccionaron un barco con vela e todo nunha cáscara de noz. Foi moi divertido porque mentres o elaboraban, cantaban cancións a Emilio, que tamén nos ensinou algunha que outra.


E xa no piso de arriba tivemos a oportunidade de ver cómo eran as escolas de antes, as denominadas escolas dos indianos porque eran os emigrantes que estaban en América os que enviaban  os cartos a Galicia para poder construír escolas así. Vimos unha maqueta dunha escola, que nos recordou moito ás maquetas que trouxo Analí, a nai de Iker cando nos veu falar do seu traballo de arquitecta.


E maís adiante, nesta visita, as xirafiñas tiveron a oportunidade de ver unha das aulas desta escola reproducida como na realidade. E atoparon unha chea de cousas que non hai na clase da profe Marta. 

  
 E por último, non todo vai ser estudar: tamén había xoguetes antigos:

  

E vós?

Era así a vosa aula? Xogabades con xoguetes parecidos a estes?


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario