miércoles, 23 de abril de 2014

Os nomes da Aula das xirafas

É sabido que as novas tecnoloxías da información e da comunicación suscitan moito interese e curiosidade nas nenas e nos nenos. Por isto, e por crenzas persoais, os mestres sumamos á nosa formación cursos nesta temática para poder aplicar os novos coñecementos na aula.Nesta ocasión tocoulle o turno ao software para crear os nosos propios libros interactivos, tales como Ardora, EdiLim, e mesmo traballar cos programas da pizarra dixital interactiva (PDI) SmartBoard que temos na aula. 

O seguinte libro interactivo está baseado no famoso xogo do Aforcado, que tantos ratos bos nos ten feito pasar na nosa infancia. O seu obxectivo é traballar de forma lúdica as letras, partindo de algo tan cercano a eles como son os seus propios nomes.

Queredes intentalo??? Pero coidado, que só tedes seis oportunidades!!!

Clicade na imaxe para empezar a xogar!!! 

Día do Libro: un regalo moi especial


Hoxe é un día moi especial para as letras, e quixémolo celebrar invitando ás familias ao Auditorio da Casa da Cultura do concello para contarlles un contiño. Así foi como nos diriximos ás 12:00 horas da mañá ao evento, no que participaron a aula das xirafas e a aula dos pitiños.

Sempre é un  pracer comprobar a implicación das familias neste tipo de acontecementos e agradécese profundamente que participen neles, porque indubidablemente elas son unha peza fundamental da comunidade educativa.

Nos vindeiros días subiremos ao blogue un vídeo co conto A que sabe a lúa, o escollido polas xirafiñas para contar aos seus familiares, vídeo que nos vai proporcionar Natalia, a mamá de Mario. 

Moitas grazas, Natalia, por compartilo con todos nós para os que xa estivemos vivenciando a experiencia poidamos recordala e todos aqueles que non puideron asisitr vexan por esta fiestra o que sucedeu.

Tamén queremos agradecer a Eva, a nai de Uxía, a dedicación e o tempo que investiu na elaboración dos marcapáxinas personalizados cos que nos agasallou para celebrar este Día do Libro. Moitas grazas, Eva!!! Foi todo un detalle e as xirafiñas e a xirafa maior iamos felices e contentos co noso marcapáxinas. Comprobádeo vós mesmos nestas fotografías:

martes, 22 de abril de 2014

Ainara cumpre 5 anos

E comezamos o terceiro trimestre celebrando o aniversario de Ainara, que cumpriu 5 anos e quixo compartir con nós unha torta riquísima decorada con princesas.

Mirade qué tarta máis bonita!!!


E as xirafiñas, coma sempre que se celebra un aniversario, cantámoslle á homenaxeada o Cumpleaños Feliz:


E despois disto, mans á obra, e A COMEEEEERRRRRR!!!!!!

Moitas grazas, Ainara!!





Unha visita a unha granxa de visóns

Dando por rematada a unidade didáctica dos oficios, a semana previa ás vacacións de Semana Santa viaxamos en autobús a unha granxa de visóns moi especial: a dos pais de Paula Barreiro.

Chegamos a Feáns, dentro do propio Concello de Negreira, e alí estaban a esperarnos Mario e María, xunto cos seus fillos que nos acompañaron nesta aventura.


E así comezou todo: visitamos as distintas naves e puidemos ver visóns negros, marróns e brancos; tamén puidemos ver algunhas visóns que estaban a esperar fillos; comprobamos cómo é a comida que comen e cómo o fan; tamén vimos as pallas que utilizan para facer os seus niños para cando teñan os filliños;...



Nestes vídeos curtiños podedes ver de cerca algúns dos visóns da granxa dos pais de Paula. Parecen tan suaves!!!!



E despois da visita, e despois de ver comer aos visóns, entrounos a fame, e os pais de Paula nos convidaron a unha merendola onde había de todo. Mirade qué mesa!!!! 
 


E así foi cómo as xirafiñas viviron a súa visita á granxa, visita que plasmaron nun debuxo. Clicade no enlace para visualizar o documento:


Moitas grazas á familia de Paula!!!

domingo, 6 de abril de 2014

Lembramos a visita ao MUPEGA

O habitual nas aulas de infantil é lembrar as saídas que se fixeron e plasmar nalgunha actividade o que sucedeu ao longo das visitas. Así foi cómo as xirafiñas se puxeron mans á obra para realizar estes debuxos co momento da visita ao MUPEGA que máis lles chamou a atención. 

Vede que hai de todo!!

Cada quen ten os seus intereses e preferencias!!!

Disfrutade con todos e cada un deles, porque os debuxos sempre falan de nós. Clicade enriba da imaxe para ver as producións das nosas xirafas!!!

http://es.calameo.com/read/002899382af5b7e5c0949

jueves, 3 de abril de 2014

Saída ao Museo Pedagóxico de Galicia


Coñecedes o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), sito en Santiago de Compostela?

As xirafiñas coñecérono onte pola mañá, nunha saída organizada polo Equipo de Educación Infantil. Saímos do colexio en torno ás 10:00 horas e marchamos no autobús sunto cos nosos compañeiros os pitiños e os golfiños. Unha vez en San Lázaro, organizáronse nunha fila para acceder ao museo, onde na porta lles entregaron a súa entrada.


O primeiro que fixeron ao chegar foi ollar un breve vídeo sobre a escola, pero non calquera escola, senón a escola dos nosos avós e dos nosos bisavós. Unha escola onde o xeito de traballar era diferente, onde era diferente a maneira de organizar o traballo das aulas, os materias tamén eran diferentes, os xogos,...

Todos estiveron moi atentos e foron quen de verbalizar as diferenzas e as semellanzas coa escola deles, a de hoxe en día. Deixaron mochilas e abrigos no salón de actos, e organizámonos en tres grupos para poder acudir aos tres obradoiros:

1. DENTRO DO CADRO "A escola de Doloriñas"
2. NA LUDOTECA
3. AS ESCOLAS DOS INDIANOS: COMO SON?

No primeiro obradoiro, un dos guías do museo, meteunos literalmente dentro dun cadro titulado A escola de Doloriñas e con esa imaxe explicounos, relacionándoo co vídeo que vimos anteriormente, cómo eran as escolas antes e viaxamos no tempo para vivir a escola dos nosos antepasados.

 

Así foi  puidemos ver xoguetes cos que xogaban os nosos avós, e os avós dos nosos pais, e sentar nos seus pupitres, e escribir nas súas pizarras cos seus pizarrillos. Seguro que se lles ensinades as fotos aos avós das xirafiñas se verán reflectidos nas caras dos seus netos.








O seguinte obradoiro tivo lugar na ludoteca do MUPEGA, onde as xirafiñas confeccionaron un barco con vela e todo nunha cáscara de noz. Foi moi divertido porque mentres o elaboraban, cantaban cancións a Emilio, que tamén nos ensinou algunha que outra.


E xa no piso de arriba tivemos a oportunidade de ver cómo eran as escolas de antes, as denominadas escolas dos indianos porque eran os emigrantes que estaban en América os que enviaban  os cartos a Galicia para poder construír escolas así. Vimos unha maqueta dunha escola, que nos recordou moito ás maquetas que trouxo Analí, a nai de Iker cando nos veu falar do seu traballo de arquitecta.


E maís adiante, nesta visita, as xirafiñas tiveron a oportunidade de ver unha das aulas desta escola reproducida como na realidade. E atoparon unha chea de cousas que non hai na clase da profe Marta. 

  
 E por último, non todo vai ser estudar: tamén había xoguetes antigos:

  

E vós?

Era así a vosa aula? Xogabades con xoguetes parecidos a estes?


 

miércoles, 2 de abril de 2014

A Voz de Negreira

Con motivo da celebración da Semana da Prensa, na aula das xirafiñas, xunto cos nosos compañeiros os pitiños, elaboramos un xornal que recolle todos os eventos que tiveron lugar durante o mes de marzo.

Espero que lérades o xornal coa mesma ilusión coa que nós o elaboramos, pois paga a pena ter un recordo destas visitas tan especiais.

 

SE ALGÚN DE VÓS QUEREDES O ARQUIVO EN COR  
POÑÉDEVOS EN CONTACTO CON NÓS.

Mirade con qué interese e curiosidade lían o xornal da aula, no que recoñecían as novas das que eles mesmos eran os protagonistas, e o que é máis importante, as súas familias. Con estas boas novas, así dá gusto ler o periódico!!!




Poesías por caramelos



Para a celebración do Día Mundial da Poesía o pasado 21 de marzo o Equipo da Biblioteca do colexio propúxonos unha actividade moi motivadora para achegar o mundo da poesía aos pequenos: tiñamos que entregar unha poesía escrita por nós e decorada, e na biblioteca dábannos un caramelo.

Alá fomos no recreo e isto foi o que sucedeu:


Agora os nosos poemas decoran a biblioteca do centro: